Fallado en Barcelona o VII Concurso de Música e Baile Tradicional Galego


A Irmandade Galega de Rubí, na modalidade de solistas; a Casa de Galicia en Guipúscoa, en cuartetos; e a Agrupación Saudade de Barcelona, nas modalidades de bandas, baile e cantareiras, foron as grandes vencedoras da sétima edición do Concurso de Música e Baile Tradicional Galego en Catalunya, que tivo lugar o 4 de marzo no Palau de Congressos de Catalunya, na cidade condal.


As formacións folclóricas pertencentes á asociación barcelonesa Saudade volveron revalidar a súa “superioridade” no concurso, ao lograr tres primeiros premios, aínda que non conseguiron manter o nivel da pasada edición, na que venceron en todas as categorías. Pola súa parte, a Casa Galega de L’Hospitalet, outro dos participantes tradicionalmente máis “fortes”, volveu resultar premiada en todas as modalidades, referendando o bo papel que están desempeñando nos últimos anos.

A sorpresa veu da man da Irmande Galega de Rubí, que non resultara premiada nas edicións do 2005 e 2006 e desta vez logrou facerse cun dos galardóns máis prezados, o de gaiteiro solista, ademais de acadar o terceiro posto de cantareiras. É de destacar tamén o bo facer do grupo folclórico procedente de Suiza, que resultou premiado nas modalidades de bandas e de baile, e o grupo de Guipúscoa, que acadou o primeiro posto en cuartetos.

Por outra banda, a organización quixo destacar o feito de que, aínda sendo un certame competitivo no que se proclaman uns gañadores, “non hai perdedores” e que o gran espectáculo musical que se ofreceu no Palau de Congressos só é posible coa participación de todos. Así, vaia o recoñecemento tamén para as formacións do Centro Galego de Barcelona, a Irmandade A Nosa Galiza de Mollet, a Agrupación Cultural Agarimos de Badalona, a Asociación Cultural Cova da Serpe, Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma, a Irmandade Galega O Noso Lar de Terrassa e a Casa Galicia de Andorra.

É de salientar tamén a ilusión e as ganas con que participan neste certame os grupos folclóricos galegos do “exterior”, compostos na súa maioría por rapaces e rapazas novos, que pertencen á “segunda xeración de galegos”. algúns deles como os de Guipúscoa, Xenebra ou Andorra viaxan de noite en coche de liña para asistir ó certame a primeira hora da mañá. 

 Xurado

O xurado de gaitas estivo formado por recoñecidos especialistas chegados de Galicia para a ocasión. Os gaiteiros Anxo Lorenzo, Edelmiro Fernández e Carlos Lorenzo; o de baile e cantareiras, compúñano Francisco Javier Feijoo, Quique Peón e Pablo Díaz.

Nesta sétima edición participaron doce entidades galegas do exterior. Entre as novidades con respecto ao pasado ano, destacaron o incremento na contía dos premios e o aumento da participación, xa que aínda que o número de entidades que se inscribiron era similar ao ano pasado, estas mesmas entidades presentáronse a concurso en máis modalidades.




FALLO DO VII CONCURSO DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL GALEGO EN CATALUNYA 

SOLISTAS
-1º Premio:  Irmandade Galega de Rubí (gaiteiro Jesús Rodríguez, coa as pezas “A fieita” e “Facendo maghas”).
-2º Premio: Asociación Cultural Galega Saudade, de Barcelona (Raul Lacilla, que interpretou “Alalᔠe “Novo Milenium”).
-3º Premio: Casa Galega de L’Hospitalet (gaiteiro Raul García, cos temas “Non te namores meniña”, “Na tardiña” e “Saltareira”). 

CUARTETOS
-1º Premio: Casa de Galicia en Guipúscoa, co tema “Apaixoada”
-2º Premio: Asociación Cultural Galega Saudade, coas pezas “Xota de Xestoso do Lor” e “Mazurca dos Areeiras”.
-3º Premio: Casa Galega de L’Hospitalet, con “O Roxo en Montillos” e “Fandango para Airas”. 

CANTAREIRAS
-1º Premio: Asociación Cultural Galega Saudade, con “Cantos de ofrecemento a Santa Marta” e “Xota-muiñeira e danza de Cortellas de Pazos do Borbén”.
-2º Premio: Casa Galega de L’Hospitalet, coas pezas “Valse da Ermida” e “Muiñeira de Xornes”.
-3º Premio: Irmandade Galega de Rubí, con “Pasodobre de Imende”, “Muiñeira de Cervantes” e “Maneo de Abade”. 

BANDAS
-1º Premio: Asociación Cultural Galega Saudade, coas pezas “Alalá de Monterrei” e “Sementeira”.
-2º Premio: A Nosa Galiza de Xenebra, con “Homenaxe” do compositor Suso Vaamonde.
-3º Premio: Casa Galega de L’Hospitalet, con “Adeus pías, adeus pontes-Cantiga da Cañiza”, “Alborada para a pequena” e “Aghilloadas de Alacrán”. 

BAILE
-1º Premio: Asociación Cultural Galega Saudade, con “Xota de Vilaquinte” e “Moliñeira de Cervantes”.
-2º Premio: Casa Galega de L’Hospitalet, coas pezas “Muiñeira punteada de Tordoia” e “Xota-muiñeira do Castelo da Rigueira”.
-3º Premio: A Nosa Galiza de Xenebra, con “Pateado de Trasmonte” e “Muiñeira de Cabra.